O Concello de Redondela é pioneiro da normalización da lingua galega. Un proceso que constitúe unha protección, divulgación e impulso da riqueza cultural máis importante de Galicia. Redondela constituíu o Servizo de Normalización Lingüística no ano 1982; por tanto, un ano antes de que o Parlamento galego aprobase a Lei de normalización. Por este motivo, Redondela situouse como un referente para toda Galicia. Esta decidida, e valente, iniciativa valeulle distintos recoñecementos, como o Premio da Crítica de Galicia ou o Pedrón de Ouro. A lingua galega converteuse nun motivo de especial orgullo para a cidadanía redondelá. Porque a causa do idioma é unha causa común. Pero coñezamos un pouco desta historia.

NACEMENTO E DEVIR DO GALEGO

O galego é unha lingua romance. Formouse contra finais do século VIII a partir dun substrato celta e dos superestratos xermánicos (suevos, visigodos) tendo como base o latín.

No léxico quedaron mostras, actualmente vivas, de linguas anteriores á chegada dos romanos. Por exemplo, carqueixa, queiruga, touza, beizo, páramo, bágoa, rodaballo… Na toponimia temos numerosos exemplos: Viascón, Bergantiños, O Grove… ou nos nomes de ríos: Sar, Navia, Landro…

O período medieval (X-XV) foi luminoso para Galicia grazas ao poder relixioso, nobiliario e cultural. De testemuño quedaron os códices coa lírica medieval galega, as coleccións de documentos xurídicos ou textos escritos por monarcas, como o Rei Afonso X O Sabio, autor das “Cantigas de loor de Santa María”.

Por causa das vicisitudes sociopolíticas (independencia do sur de Galicia, que deu orixe a Portugal; guerras civís; revoltas irmandiñas; interveción dos Reis Católicos…) o galego foi perdendo o seu status en favor do castelán, que axiña se impuxo como única lingua na escrita malia que a poboación falase galego.

Ao longo dos anos produciuse tamén un cambio sociolingüístico posto que as clases pudentes adoptaron o castelán como marca fronte ao galego, identificada coas clases baixas. A isto sumóuselle unha política de expulsión do galego da documentación, de castelanización da toponimia (Sanjenjo, Rianjo, Mugía…) ou incluso de modificación nos apelidos (Otero por Outeiro, Seijas por Seixas, Molinos por Muíños…).

O galego mantívose sempre como lingua oral. Devagar xurdiron voces que reivindicaron a súa dignificación (Conde de Gondomar, Padre Feijóo, frei Martín Sarmiento…). Será co Rexurdimento (S. XIX) cando comece un proceso continuado de recuperación na escrita.

lingua galega redondela galician language gallego lengua
lingua galega redondela galician language gallego lengua

O galego mantívose sempre como lingua oral. Devagar xurdiron voces que reivindicaron a súa dignificación (Conde de Gondomar, Padre Feijóo, frei Martín Sarmiento…). Será co Rexurdimento (S. XIX) cando comece un proceso continuado de recuperación na escrita e que terá o momento álxido coa fundación da Real Academia Galega en 1906.

No pasado século a conciencia lingüística avanzou. En 1916 naceron as Irmandades da Fala que tiñan por bandeira a lingua como elemento central da identidade galega. Dende entón iniciouse a demanda da cooficialidade que chegaría coa aprobación do Estatuto Galego en 1936. Pero a guerra civil impediu que se puxese en marcha.

A ditadura franquista expulsou o galego da vida oficial, agás no ámbito da cultura. Esta tería un papel central na recuperación da conciencia lingüística. A mediados dos 60 apareceron numerosas asociacións culturais en cidades e vilas que impulsaron o galego con distintas iniciativas.

Tamén o movemento político e sindical antifranquista foi incorporando o uso do galego. Hoxe é a lingua oficial de todos os sindicatos agrarios e obreiros e da maioría das forzas políticas con representación institucional. Tras a aprobación do Estatuto de Autonomía (1981), que supuxo a cooficialidade do galego e que foi definida como “a lingua propia de Galicia”, comezou a incorporación a todos os ámbitos dos que fora expulsado ao longo dos séculos.

lingua galega redondela galician language gallego lengua
lingua galega redondela galician language gallego lengua

REDONDELA IMPULSA O GALEGO

 O Concello de Redondela foi o primeiro en ofrecer en galego todo tipo de formularios en galego, en sinalizacións viarias, na rotulación das dependencias municipais… Ademais organizou os primeiros cursos de linguaxe administrativa para o funcionariado e cursos de para a veciñanza.

Mais a iniciativa de Redondela foi máis alá do municipio. A mediados dos 80 reclama ás autoridades responsables a incorporación do galego á guía telefónica, ao transporte aéreo e ferroviario (Aviaco e Renfe), ás empresas públicas… Organiza xornadas sobre modelos de normalización traendo a responsables de Euskadi e Catalunya, lanza unha campaña de grande éxito titulada “Sinte Galicia, fala o teu idioma” na cal participan rostros moi populares nese tempo (Camilo José Cela ou Pepe Domingo Castaño).

Un momento histórico foi a sentenza ditada en galego o 27 de marzo de 1985 pola Audiencia Territorial da Coruña tras 500 anos de proscrición. O promovente fora o Concello de Redondela.

Outras propostas, sempre recibidas con entusiasmo polo pobo redondelán, foron logo copiadas noutros municipios (por exemplo, Redondela foi o primeiro consistorio que puxo o nome de “Casa do Concello”) ou se manteñen vivas até hoxe (por exemplo, o premio de narrativa Eduardo Blanco Amor).

Na actualidade, o galego conta coa máxima protección a nivel legal dentro do municipio: é a lingua oficial, existe unha ordenanza de uso, mantense o SNL como departamento autónomomo… Pero a realidade sociolingüística galega é adversa á vista dos datos da ruptura na transmisión interxeracional.

En todo caso, Redondela foi e segue sendo un modelo lingüístico referente para toda Galicia. Esta é tarefa compartida entra a Administración e a sociedade. Redondela é un exemplo. Unha proba é a recollida, conservación e promoción da microtoponimia, coa creación dunha web esepcífica que podedes consultar na seguinte ligazón: Toponimia de Redondela.

Aproveita a ocasión de pasar por Redondela e lanzarte a falar un pouquiño de galego (nesta web Aprender Galego podes atopar cursos gratuítos en liña). Seguro que os veciños e veciñas hanche botar unha man e agradecercho de corazón. As linguas únennos.

lingua galega redondela galician language gallego lengua
lingua galega redondela galician language gallego lengua
lingua galega redondela galician language gallego lengua
lingua galega redondela galician language gallego lengua