Este leguario, situado no barrio do Coto (parroquia de Cesantes, Redondela), está datado a finais do século XVIII e inicios do XIX. Trátase dun sinal que identifica unha ruta oficial controlada pola Coroa e que establece a distancia en leguas ao destino final do camiño. Este leguario da Pantalla, como é coñecido, é singular. Non garda a forma habitual de pináculo que se atopa noutros casos. Aquí temos un elemento máis monumental, único ao longo de todo o camiño real. A súa localización indícanos que estamos á entrada da vila de Redondela pero tamén ten a función conmemorativa da construción da estrada. Unha estrada que, en realidade, xa fora preparada polos romanos que lle deran o nome de Vía XIX e que na época medieval foi reconvertida no Camiño Portugués a Santiago de Compostela. O epígrafe que existía foi borrado de maneira intencionada por dous posibles motivos: o recordo do Antigo Réxime ou a simple referencia monárquica. É posible que reproducise algo semellante ao leguario localizado a carón do convento de Vilavella: “reynando el Señor Carlos IV…”. A tradición popular deulle un uso máis cotián. Os mozos botaban pedras ao tímpano (o espazo triangular) co propósito de colocalas sobre a cornixa. Se quedaba, o mozo ía casar coa súa namorada.

  • redondela pontevedra rias baixas turismo tourism leguario pantalla
  • redondela pontevedra rias baixas turismo tourism leguario pantalla
  • redondela pontevedra rias baixas turismo tourism leguario pantalla