Ruta das pedras

Trátase dunha ruta de sendeirismo circular de 10 km, cunha duración aproximada de tres horas e dificultade media.  Situada na parroquia de Ventosela, comeza e remata na Casa Cultural, pasando pola Igrexa parroquial e sempre en ascenso, até a Pedra Taió, o punto máis alto do camiño, dende o que poderemos ollar unhas fermosas vistas sobre a Ría de Vigo.

 Polo camiño atoparemos varias fontes de formacións rochosas cunha morfoloxía moi peculiar:

  • Conxunto rupestre da Pedreira: está formado por seis estacións de gravados  con múltiples petróglifos, os cales destacan polas escenas ecuestres, así como polo tamaño e número de gravados de círculos concéntricos, considerados os máis importantes do sur da provincia.
  • Pedras Agudas: grupo de rochas con características xeomorfolóxicas moi particulares que fan que sexan especialmente consideradas no folclore da parroquia, xa que se asocian con varias lendas.
  • A Laxe das Abellas: formacións rochosas graníticas lisas de gran tamaño e en pendente das que brota auga do seu interior, procedente da montaña e da cabeceira de diversos regatos. Trátase dunha zona de beleza singular, onde as grandes rochas semellan chegar ao ceo. As lendas contan que os cumios das mesmas estaban cheos de abellas.

  • A Pedra Taió: un dous lugares máis máxicos da parroquia, tanto pola especial formación rochosa natural que simula un refuxio, como pola enigmática orixe e significado da propia denominación. Ao seu redor coñécense numerosas lendas sobre mouros e tesouros. É un lugar de obrigada visita tanto polo seu valor pétreo como polas espléndidas vistas sobre a Ría de Vigo e a vila de Redondela, xa que ocupa unha atalaia natural.
  • A Pedra que Fala: considerada como máxica en Ventosela, a súa forma e o seu relevo permiten introducirse dentro dela e falar no seu interior, escoitando as múltiples reverberacións que produce a nosa voz. Mesmo estando preto dela é capaz de reproducir as conversas de quen fala ao seu lado.
  • A Pedra Erosionada: pedra de curiosa formación, a causa da peculiar erosión da auga e o vento que esculpiron múltiples fendas. 

 Voltar ás rutas