Ruta da Auga

Introdución

A ruta da auga de Redondela correspóndese cun camiño accesorio á canle que transportaba auga dende o Encoro de Eiras (Fornelos de Montes) para abastecer á cidade de Vigo. A condución da auga atravesa os concellos de Fornelos de Montes, Soutomaior, Pazos de Borbén e Redondela antes de chegar a Vigo.

En Redondela percorre un total de 23 km, atravesando as parroquias de Chapela, Trasmañó, Cedeira, Negros, Cabeiro, Vilar de Infesta, Saxamonde, Quintela e Reboreda. Este itinerario ten un gran valor ecolóxico e natural e o seu percorrido amósanos infinidade de paisaxes, dende terras de cultivo e núcleos poboados, ata zonas de bosque con distinta composición (piñeirais, carballeiras, eucaliptais e bosque rupícola, asociado aos regatos).

Trátase dunha senda verde na que se realizaron plantacións de distintas especies autóctonas arbóreas e arbustivas, sinalizadas e dotadas de paneis interpretativos, con áreas de descanso e fontes en todo o seu percorrido que facilitan o seu goce.

Por outra banda, estamos ante un  miradoiro excepcional da ría de Vigo, dende o cal se obteñen unhas vistas privilexiadas da Enseada de San Simón, da Península do Morrazo, das Illas Cíes e dos concellos de Pazos de Borbén e Soutomaior.

Por ser un camiño asociado a unha tubaria de tan longo percorrido, posúe unha característica que o fai único: carece de pendentes, polo que pode ser visitado por persoas con mobilidade reducida.

 

Información xeral

Por diversos motivos, este é un itinerario perfecto que ademais de contar cunhas vistas envexables e ser unha ruta moi entretida, aséntase sobre un terreo chá que permite a boa circulación da auga, e o seu trazado é moi lineal polo que é difícil perderse.

O seu inicio está na zona máis urbanizada, motivo polo cal deberemos ir por pistas de asfalto ou cemento, e a medida que nos imos afastando dos núcleos habitados, e nos internamos na fraga, a contorna vólvese máis natural.

Pero, como chega a tubaxe dende o encoro de Eiras ata Seragua? O percorrido pódese dividir en tres tramos:

TRAMO 1º

Dende o encoro de Eiras, a tubaxe percorre o canón do río Oitavén ata que entra nun túnel en Pazos de Borbén.

TRAMO 2º

Saíndo do túnel de enriba de Redondela e, por unha pista moi fácil, séguese ata o Alto dos Valos, na estrada de Redondela – O Porriño. Aquí buscaríamos a súa continuidade e chegaríamos á estrada que vai de Redondela ao aeroporto de Peinador.

TRAMO 3º

É o que vai dende esta estrada e segue ata Seragua. Como xa indicamos anteriormente, trátase de seguir unha tubaxe, é dicir, un percorrido lineal cunha lonxitude de 13 km.

  Ver mapa detallado

A ruta paso a paso

Para iniciar a ruta hai que ir a sede da empresa Seragua, na rúa Cantabria (Vigo). Pódese ir ben por detrás do Instituto do Calvario cara ao aeroporto, onde nos atoparemos cun cruzamento con semáforos no que viraremos á esquerda; ou ben dende a fonte de Fenosa, pola Travesía de Vigo.

Unha vez chegados á rúa Cantabria deixaremos o valado das instalacións á esquerda e subiremos pola rúa Vista do Mar. Rodeando o valado e, ao rematar este, hai unha pequena casa co núm.19, á esquerda baixa unha rampla cementada: este punto é o noso km 0. 

 Comezamos:

Etapa 1 -Km 0 – Comezamos, pois, a camiñar pola pista cementada e de dúas cores; xa sabedes, a partir de agora sempre de fronte.
Etapa 2 -470 m – Estrada que atravesaremos seguindo de fronte (na parada de bus hai unha fonte)
Fixádevos aos 10 m á dereita e veredes por primeira vez a tubaxe de formigón.
Atoparemos dúas estradas que tamén atravesaremos.
Etapa 3 -1825 m – Estrada de Teis ao Zoo; subiremos por ela 150m e deixarémola á esquerda pola cementada.
Etapa 4 -760m – Estrada. Atravesámola e agora a pista será de terra; máis adiante cruzaremos dúas estradas máis.

Etapa 5 -740 m – Pequena estrada; imos de fronte entrando nun bonito camiño cara á fraga; aos 200m á dereita buscaremos a fonte.

Etapa 6  -615 m – Estrada. Atravesámola; aquí vemos un transformador eléctrico. Ao chegar á casa nº27, de nome “A Fraga”, reparade na casa de enfronte e veredes dúas sobreiras e un ceador. Máis adiante cruzaremos un regato.
Etapa 7 -1855 m - (km 6635) Despois de ter pasado un portalón, chegamos a unha estrada que é a que sobe ao convento de Trasmañó; atravesarémola e seguiremos polo asfalto, contemplando a Ponte de Rande. 
Etapa 8 -800 m – Vemos que o asfalto remata e que descende unha pista cementada onde se atopa unha casa; continuamos de fronte polo camiño chan de terra e pegados a ela; agora a nosa vista dirixirase cara ao interior da ría.
Etapa 9 -2685 m  – Estrada. Imos á esquerda; fixádevos en que a tubaxe se ve polo interior do lugar da casa; pois en, para poder seguir co percorrido subiremos de fronte, deixando o muro desta,  a man esquerda. Aos 190m e antes de que a pista ascenda, vemos, á dereita, un caseto; xusto aquí deixamos a pista, meténdonos por un carreiro á esquerda que case nin se ve e pasa entre as mimosas coma se fose un túnel; ao saír ao camiño de abaixo imos á dereita.

Se este tramo tivese algún problema, no caseto poderíamos subir e na bifurcación seguinte baixaríamos á esquerda.

Etapa 10  -1070 m – (km 10820) Encrucillada de pistas. Como xa é sabido, imos de fronte.
Estapa 11 -650 m – Vemos á dereita, baixo os cables do tendido eléctrico, un gran caseto onde poderemos escoitar o ruído da auga; neste sitio, a auga chega do outro lado do monte á esquerda, por enriba da estrada dos Valos, que miraremos ao fondo e, ao chegar aquí é bombeada polo túnel da Madroa ata Seragua. Fixádevos aos poucos metros da caseta á dereita, está a tubaxe vella.

Etapa 12 -400 m – Estrada Redondela – Aeroporto. Fin da ruta. 
Ao chegarmos a este punto, poderíamos seguir polo segundo tramo do percorrido da tubaxe que non se recolle no roteiro

Para regresar a casa  contamos con diferentes opcións:

  • A recomendada, dar a volta e retornar a Seragua camiñando. Non hai dúbida que esta alternativa é a máis atractiva, comprobaredes que non por repetir a ruta, resulta aburrida, xa que o feito de cambiar de sentido varíanos o ángulo de visión e, ás veces, o percorrido parece outro.
  • Para volver en autobús tamén hai varias posibilidades: unhas delas sería chegar a unha parada que temos preto, subindo á dereita; alí para o bus urbano VITRASA número 28 (Negros – Berbés). Confirmar horarios na web www.vitrasa.es ou no teléfono 986 291 600.
  • Baixar a Redondela (3,5 km) para dende alí, volver en bus a Vigo. Consultar horarios na web www.autosgonzalez.es.
  • Se se dispoñen de varios coches, pódese deixar un ao remate da ruta; para iso hai que ir a Redondela, na rotonda que hai na entrada, subiremos pola N-555 en dirección ao aeroporto e, aos 3,4 km, pasando o cartel que anuncia o remate da poboación de Santo Estevo de Negros, veremos á dereita unha pista asfaltada cunha gran tubaxe de formigón nun lateral. Aquí é onde remata o percorrido.

 Voltar ás rutas