Camiño Portugués

O Camiño Portugués

A peregrinación xacobea dende Portugal, aínda que se cre que xa existía en época alto medieval, intensifícase a partir da independencia do país, a mediados do século XII. Grazas ao denso fluxo de persoas que poboaron os camiños establecidos entre Portugal e Galicia, creáronse fecundas canles de intercambio cultural, económico e de pensamento.

Pódese cualificar a Portugal como “terra de camiños”, pois os peregrinos xurdían de todas as comarcas para dirixirse a Compostela. A configuración do Camiño Portugués en Galicia contará cunha dinámica histórica de diversa índole: pontes, capelas rurais, santuarios, cruceiros, pazos e cidades históricas vanse atopando ao longo dunha ruta que nace na beira do río Miño.

Por aquí pasaron milleiros de peregrinos anónimos, camiñantes, viaxantes, mercadores, feirantes e romeiros, mais tamén reis, nobres e clero. Con todo, o Camiño é tamén unha oportunidade de descubrir a hospitalidade das xentes do Norte de Portugal e de Galicia. O seu vasto patrimonio arquitectónico, as súas seculares tradicións culturais e a súa riquísima gastronomía son de grande valor histórico.

Os tres camiños que describimos, dos múltiples existentes, constitúen rutas de notábeis evidencias monumentais e cunha forte realidade cultural, que vai máis aló do arquitectónico. Os tres parten do tronco occidental de Lisboa – Coimbra – Porto, onde se dispersan para volver unirse en Redondela. Durante séculos, os peregrinos cruzaban o río Miño por algunha das poboacións que contaban con barcas ou pontes de barcas, pero coa construción no ano 1884 da Ponte Internacional, facilitouse enormemente a comunicación entre ambas beiras polo eixo Valença do Minho – Tui.

Os Camiños Portugueses occidentais arrincan de Lisboa cara a Coimbra por dúas vertentes. Chegados a este punto, pódense tomar dous camiños: dirección nordés (oriental) cara a Chaves; ou noroeste cara a Águeda, mosteiro de Pedroso e Porto, onde se abren as tres vías que seguidamente comentamos:

  • O Camiño Portugués do Interior (230 km), tamén coñecido como camiño Central, adquire importancia a partir do século XII.

Este camiño ten un antes en terras lusas e un despois en Galicia, co longo río Miño polo medio. Visita Porto, como primeira localidade portuguesa, dirixíndose cara ao norte: Braga (onde un antigo camiño accede directamente por Castelo de Vide, seguindo por Nisa, Castelo Branco, Covilhã, Guarda, Trancoso, Sernancelhe, Lamego, Poiares, Vila Real, Vila Pouca de Aguiar, Chaves ata Ourense, onde enlaza co tramo mozárabe da Vía da Prata), Ponte de Lima, Rubiães, Valença do Minho.

Tui, preséntase como primeiro punto do camiño en Galicia, seguindo por O Porriño, Redondela, Pontevedra, Caldas de Reis, Padrón e Santiago.

  • O Camiño Portugués do Norte (170 km), recibe este nome ao discorrer próximo ao santuario portugués de “Nossa Senhora do Norte”.

Como ao anterior, parte do Porto, até que en Barcelos se dispersa da ruta do interior seguindo por Ponte de Lima e Vilanova de Cerveira, onde se cruza en barca o río Miño para chegar a Goián, seguir por Tomiño, Gondomar, Vigo e Redondela, para unirse unha vez máis ao Camiño Interior.

Tamén se atopa sinalizada a variante intermedia situada entre Barcelos e Lanheses e de aquí a Vila Nova de Cerveira e Valença do Minho.

  • O Camiño Portugués da Costa (140 km), tamén chamado Monacal, era seguido por aqueles que atravesaban o río Miño preto da súa foz, por serras agrestes con espléndidas vistas panorámicas. Sobre el marcharon en peregrinación o rei Don Manuel ou Santo Tomás Becket.

En Portugal o peregrino parte do Porto, atravesando localidades como Viana do Castelo e Caminha. Unha vez cruzada a desembocadura do Miño e deixando Tui ás costas, o itinerario discorre por: A Guarda, O Rosal, Oia, Baiona, Nigrán, Vigo e Redondela, onde se une ao Camiño Interior.

 

 Voltar ao Camiño