Camiño de Santiago

O Camiño Portugués de Santiago ao seu paso por Redondela

O descubrimento da tumba do apóstolo Santiago o Maior, a principios do século IX, durante o reinado de Afonso II, xerou dende moi cedo unha multitudinaria corrente de peregrinacións cara á súa localización, Santiago de Compostela. Esta afluencia rematou por formar, dende os máis diversos puntos de Europa, unha densa rede de itinerarios coñecida, no seu conxunto, como Camiño de Santiago ou Ruta Xacobea.

Segundo a tradición medieval, como aparece por vez primeira no Concordia de Antealtares (1077), o eremita Paio observou durante algunhas noites seguidas unha “chuvia de estrelas” sobre un monte do bosque de Libredón. Avisado das luces o bispo de Iria Flavia, Teodomiro, ordenou escavacións e atopou unha arca de mármore cos ósos do santo e de dous dos seus discípulos.

No "Campus Stellae" – de onde se cre que provén o topónimo Compostela – erixiuse unha igrexa para protexer a tumba do apóstolo que se tornou nun símbolo da resistencia cristiá aos ataques dos mouros.

A descuberta propiciou que Afonso II peregrinara a Compostela en 1220 e que a raíña santa Isabel o fixera en 1325, despois da morte do rei de Portugal D. Dinís, seguindo seguramente unha ruta moi semellante á que está sinalada hoxe en día, cruzando a Ponte de Barcelos, evitando así, o desvío por Braga.

A partir do ano 1000 as peregrinacións a Santiago popularízanse, converténdose a cidade nun dos principais centros de peregrinación cristiá (á par de Roma e Xerusalén). É tamén nesta altura que xorden os primeiros relatos de peregrinos que viaxan a Compostela.

O Camiño, ao longo dos seus doce séculos de vida, conforma unha tea de araña, con diversas vías alternativas, de maior ou menor uso segundo a época e as circunstancias do seu nacemento. Nós centrarémonos na vía coñecida como Camiño Portugués, trazado para acceder a Galicia a través de terras portuguesas, aínda que existen outras rutas históricas que arrincan dende o sur de Portugal e Lisboa.

O Camiño Portugués

Redondela no camiño

Para os que teñan interese polas culturas do pasado que se asentaron en Galicia e desexe saber máis delas, pode vir a este termo municipal. Aquí atopará vestixios da época megalítica (a necrópole de Chan das Formigas, as mámoas do Coturro e dos Lagos en Vilar de Infesta); da Idade do Bronce (machadas, petróglifos...); da cultura castrexa (no Couto do Castro e no Castro da Peneda); e da romanización (vilas e miliarios, entre os que sobresae o chamado “Marco” de Vilar de Infesta).

En Redondela, a ruta de peregrinación arrinca á altura do Convento de Vilavella, e discorre pola rúa Padre Crespo, Praza de Ribadavia (máis coñecida como “A Farola”), e rúa de Isidoro Queimaliños antes de chegar á igrexa de Santiago, cuxa orixe remóntase a tempos de Xelmírez, aínda que se reedificou no século XVI, con nave única cuberta con bóvedas de crucería e cabeceira poligonal que sostén unha fermosa cuberta estrelada.

Tamén destacan a capela de Santa Mariña, coñecida tamén co nome de Capela das Angustias, cunha fermosa fachada barroca; a ermida da Nosa Señora do Viso, emprazada nun lugar de gran valor paisaxístico; a igrexa románica de San Fausto de Chapela, con planta de cruz latina; ou a igrexa de Santo André de Cedeira, erixida no século XVIII.

Dentro das construcións civís, o abraiante viaduto da liña ferroviaria Vigo – Ourense – Madrid, é unha das construcións de maior importancia para o concello. Da Idade Media, e como lembranza das familias que aquí residiron, en Redondela consérvanse varios pazos coma o da “Casa da Torre” dos Prego de Montaos (edificio histórico do século XVI que hoxe se emprega como albergue de peregrinos); o “Pazo de Petán”, o “Pazo do Pousadouro”, a “Casa Grande” en Reboreda e o “Pazo da Torre” en Cedeira.

 

 Voltar ao Menú