Propostas esenciais

ARQUIPÉLAGO DE SAN SIMÓN

Conxunto formado por catro illas: San Bartolomeu, San Norberto, Santo Antón e San Simón (estas dúas últimas as máis relevantes). Dende o século XII até o XIX a illa de San Simón foi utilizada por diversas ordes relixiosas, e sufriu múltiples incursións navais. Pero ademais tivo tamén moi diferentes usos: dende 1883 até 1927, funciona como Lazareto; en 1936 converteuse en cárcere para os presos republicanos; en 1948 as illas destínanse a albergue da Garda de Franco pero en 1950, logo dun naufraxio onde falecen 43 persoas, péchase. De 1955 a 1963 reconverteuse en orfanato para fillos de mariñeiros. Na década dos noventa produciuse a restauración de toda a contorna. A illa está declarada Conxunto Histórico e Lugar de Interese Comunitario dende 1997.

 

PRAIA DE CESANTES

Areal de máis de 2400 m², está dotado de servizos orientados ao turismo, acceso a persoas discapacitadas, auga corrente e duchas. Conta cun paseo marítimo e varios establecementos de hostalaría nas proximidades.

 

OS VIADUCTOS

Redondela é coñecida como “A vila dos Viadutos”. A primeira ponte construída é a de “Pedro Floriani” (viaduto de Madrid), inaugurado en 1876, que posúe 318 m de lonxitude e que xa non está en funcionamento. A outra ponte denominada “viaduto de Pontevedra” é de 1884, con 250 m de lonxitude, moi semellante na súa fabricación á anterior. Ambas as dúas están catalogadas como BIC (Ben de Interese Cultural).

 

MONTE DA PENEDA

Está situado na Parroquia do Viso, no límite con Soutomaior, a 329 m de altitude. Posúe vistas á Ría de Vigo, dende as Illas Cíes até a Praia de Cesantes. Está coroado por unha capela en honra da Virxe da Peneda. Foi un castro e unha fortaleza medieval, conservando aínda restos da súa muralla e das súas casas circulares.

 

AREA LONGA

É unha praia situada en Chapela, cun gran paseo marítimo que discorre ata o peirao de Cardona. Posúe varios servizos turísticos, como bares, marisquerías, embarcadoiro de recreo e parque infantil.

 

MÁMOA DO REI

No Monte Penide atopamos restos prehistóricos pertencentes ao Neolítico que abranguen as parroquias de Cabeiro, Negros, Cedeira e Trasmañó. Existen máis de 30 túmulos que representan unha das necrópoles máis importantes de Galicia. Destaca pola súa conservación a “Mámoa do Rei”.

 

CASTRO DE NEGROS

Este e mais o Castro da Peneda son os dous únicos castros que se conservan en Redondela. Está situado nun emprazamento dende onde se poden gozar dunhas fermosas vistas, ademais de ser unha moi recomendable área de descanso.

 

POZA DA LAGOA

Situada na parte máis alta da parroquia de Cedeira. Trátase dunha área recreativa onde se sitúan diversos petróglifos e restos arqueolóxicos. Dispón ademais de numerosos servizos: mesas de pedra, asadores... Pola súa situación permítenos gozar dun miradoiro natural de rochas sobre a Ría de Vigo.

 

IGREXA DE SANTIAGO APÓSTOL

Sitúase na parte máis elevada da vila. Trátase dun templo con ábsida poligonal, fachada con rosetón e sobre este unha escultura de Santiago Matamouros. Orixinaria do século XV, sufriu varias ampliacións até o século XVIII. Distínguense cinco capelas no seu interior dedicadas a San Sebastián, San Bieito, a Inmaculada, o Nazareno e as Ánimas.

 

PETROGLIFOS DE VENTOSELA

Situados na Pedreira, no barrio do Vilar do Mato, na parroquia de San Martiño de Ventosela, atopámonos cun conxunto formado por seis estacións de gravados con múltiples petróglifos, de gran interese polas escenas ecuestres, así como polo tamaño e número dos gravados de círculos concéntricos.

 

REBOREDA, CARBALLO DAS CEN PÓLAS. MUÍÑOS E FERVENZA.

En Reboreda consérvase o “Carballo das cen pólas”, unha árbore centenaria que secou hai algúns anos aínda que no seu prado consérvanse outras árbores autóctonas. Ademais, a parroquia está marcada polo paso do río Alvedosa, á beira do cal se sitúan ata 19 muíños, algúns deles reconvertidos en establecementos de hostalaría. Tamén existe unha fervenzade gran beleza aínda que de difícil acceso.