Historia de Redondela

Unha ollada ao pasado

 


PRIMEIROS POBOADORES

Pola súa situación privilexiada e pola súa extensión, a comarca de Redondela é un territorio habitado dende tempo inmemoriais, onde os diversos poboadores deixaron o seu selo impreso ao longo da historia. Destaca a Idade de Bronce como un dos períodos máis prolíficos, con numerosos exemplos de xacementos localizados en diferentes puntos da comarca.

Os restos en Monte Penide ou Monte Mirallo e Ventosela son os testemuños máis salientables. No primeiro caso estamos a falar dun inmenso complexo funerario con numerosos túmulos e dolmens, ademais de abundantes petróglifos e gravados rupestres, nun abano temporal que abranguería dende o neolítico (4000-2500 a. C.) ata a Idade do Bronce (1800-700 a.C.).

Non podemos esquecer os vestixios da cultura castrexa, con manifestacións coma a do Castro da Peneda ou a do Castro de Negros, tamén coñecido como "Coto de Negros", "Monte do Castro", "Castro Grande" ou "Coto do Castro", que aínda hoxe conserva a súa localización xeográfica apenas alterada, así como a súa configuración primitiva e sistemas defensivos visíbeis. A observación da súa estrutura orixinal (afectada por diferentes instalacións de telecomunicacións) axúdanos a comprender mellor como era un poboado castrexo da época.

 

ROMANIZACIÓN

Será neste período cando a zona adquira unha especial relevancia, pois a vía romana XIX, que unía Braga (Bracara Augusta) con Astorga (Asturica Augusta), pasando por Lugo (Lucus Augusti), atravesaba Redondela, e isto provocou que o seu territorio acadase un gran desenvolvemento.

Os testemuños máis representativos desta época son os miliarios, marcos que sinalaban as distancias nas calzadas romanas (as millas romanas); o único que se conserva no seu emprazamento orixinal é o de Santiaguiño de Antas, coñecido tamén como “O Marco” ou “Anta de Maniola”, en Vilar de Infesta.

Por outra banda, durante esta etapa esténdense os asentamentos rurais e as villae, que en diversas zonas de Redondela constituíronse para comerciar co sal e outros produtos agrícolas.

 

A IDADE MEDIA

A Idade Media caracterízase polo desenvolvemento da vila e polo esplendor da casa de Soutomaior, que alcanzaría o seu máximo apoxeo co lendario Pedro Madruga, que xogou un papel fundamental durante os conflitos acaecidos entre a igrexa e o señorío feudal.

A vila de Redondela, nos seus inicios, estaba divida en dúas partes: Vilavella e Vilanova. Ambas as dúas permanecían unidas a través dunha ponte e posuían un porto que era o motor económico da localidade.

Outro factor do desenvolvemento foi o Camiño de Santiago (desenvolvido sobre o trazado da antiga vía romana XIX), fonte de atracción de numerosos visitantes, que era a primeira parada da etapa. O arcebispo Xelmírez pasou por Redondela facendo o Camiño Portugués, do que foi un dos maiores impulsores, de volta dunha viaxe polo país veciño para traer consigo as reliquias de San Frutuoso, San Silvestre, San Cucufate e Santa Susana. En 1114 fixou a súa residencia temporalmente na nosa vila, ano en que consagrou a igrexa de Santiago Apóstolo. 

 

IDADE MODERNA

Caracterízase pola perda de habitantes nas zonas urbanas a causa de diversas pestes atlánticas. A pesar de ser unha época de pouca axitación, destacan algúns sucesos de gran importancia histórica, como a Batalla de Rande.

Na Batalla de Rande, acontecida en 1702, as tropas hispano-francesas sucumbiron ás forzas anglo-holandesas nunha batalla naval de considerábeis dimensións, ao que hai que sumarlle o posterior saqueo da zona. O combate produciuse no estreito de Rande onde se atopan os xacementos dos galeóns afundidos.

A Illa de San Simón merece especial mención. A tradición di que estivo habitada dende a Idade Media pola orde do Temple, e será testemuño de moitos dos sucesos acaecidos na rexión a partir do século XVI. Chegados a finais da Idade Moderna, a illa acondicionouse como Lazareto, o único en toda a fachada atlántica española; a súa función foi a de prever e illar enfermidades infecciosas coma o cólera. Deste xeito converteuse nun centro de investigación médica e tecnolóxica.

Por último, no século XX, despois da Guerra Civil, xogou un papel destacado na historia do sur de Galicia, xa que se empregou como presidio para os reclusos do bando republicano.

 

IDADE CONTEMPORÁNEA

Ao longo do século XX Redondela pasou de ser unha vila mariñeira a unha vila industrial, da man do sector téxtil, durante os anos sesenta. Porén, defínese pola imaxe dos seus viadutos de ferrocarrís que lle confiren unha personalidade propia: o “Viaduto de Madrid” , de 1876, e o “Viaduto de Pontevedra”, de 1884. Declarados monumentos Histórico-Artísticos, permiten coñecer Redondela como “a vila dos viadutos”.

 

PATRIMONIO CULTURAL

Redondela é coñecida como "a vila dos viadutos". A primeira ponte construída é a de "Pedro Floriani" (viaduto de Madrid), inaugurado en 1876, que posúe 318 metros de lonxitude e que xa non está en funcionamento. A outra ponte, denominada "viaduto de Pontevedra", é de 1884, con 250 m de lonxitude, moi semellante na súa fabricación á anterior. Ambas as dúas están catalogadas como BIC (Ben de Interese Cultural).

Viaduto Pedro Floriani

Tamén coñecido como viaduto de Madrid, é o máis antigo. A súa construción combinou a técnica, daquela vangardista, do ferro forxado, metal co que está feito o taboleiro e a estrutura de celosía sobre a que se sostén, e a tradicional cantería dos piares sobre os que descansa toda a armazón metálica. A súa construción iniciose en 1872 e foi inaugurado o 30 de xuño de 1876. Ten unha lonxitude de 318 metros e foi considerado por moitos enxeñeiros como a infraestrutura máis importante do século XIX en Galicia. O subcontratista, Pedro Floriani, botouse do viaduto cando lle dixeron que non cobraría porque non podería entrar en servizo. Floriani non chegou a morrer na súa tentativa de suicidio e puido ver os trens circular polo viaduto. Funcionou dende 1876 como parte da liña que unía Vigo e Ourense, abandonado por Renfe en 1975.

Viaduto de Pontevedra

O viaduto de Pontevedra é unha das dúas pontes ferroviarias que atravesan o centro da vila, e foi inaugurado o 30 de xuño de 1884. Foi proxectado polo enxeñeiro e arquitecto Mariano Carderara Ponzán, como prolongación do trazado de Pontevedra ata Redondela e Vigo. Máis curto que o viaduto de Madrid, o de Pontevedra diferénciase tamén en que o taboleiro metálico está soportado sobre piares metálicos. En 1899, coa apertura do tramo Carril-Pontevedra, foi posible viaxar dende Santiago a Vigo ou dende Santiago a Madrid.

Na actualidade está en servizo e pódense ver e escoitar pasar os trens.

ARQUITECTURA RELIXIOSA

Igrexa de Santiago Apóstolo

Orixinaria do século XV, sufriu varias ampliacións ata o século XVIII. É a igrexa parroquial de Redondela e sitúase na parte máis elevada da vila. A súa advocación é Santiago e ten unha imaxe do Apóstolo a cabalo coroando a fachada, e no interior, unha talla de Santiago Peregrino. Distínguense cinco capelas no seu interior dedicadas a San Sebastián, San Bieito, a Inmaculada, o Nazareno e as Ánimas.

Nesta igrexa obtéñense dous selos para a credencial, a desta parroquia e a de Santiago de Vilavella.

Convento de Vilavella

Edificio conventual da Orde das Xustinianas fundado a comezos do século XVI. Desta época consérvase unicamente a Igrexa Conventual, Composta por unha ábsida e unha soa nave, dividida en cinco tramos que se corresponden ao exterior con outros tantos contrafortes.

As últimas monxas deixaron o convento nos anos 50. Dende hai uns anos o convento converteuse nun centro hoteleiro para eventos como vodas e banquetes.

Capela de Santa Mariña ou das Angustias

O tramo urbano do Camiño de Santiago ao seu paso por Redondela remata na capela de Santa Mariña, unha construción de reducidas dimensións e planta case rectangular edificada a comezos do século XVIII. Conta coa típica porta barroca e destaca na súa fronte un rosetón de catro pétalos.

Posúe unha torre-campanario dun só tramo, que remata nunha cúpula e que ten un reloxo de sol na súa parte dereita. Nun principio dedicouse ao Espírito Santo e ata 1904 pertenceu á parroquia de Cesantes, pero logo incorporouse ao centro urbano. En 1910 mercou a figura de Santa Mariña, que como todas as que había naquela época na capela era obra do artista Núñez.

 

OS PAZOS REDONDELÁNS

Casa da Torre

Histórico edificio do século XVI que hoxe realiza as funcións de albergue para peregrinos. É un edificio destacado pola súa arquitectura e tamén polo seu uso cultural.

Neste albergue préstanse diversos servizos aos peregrinos ao seu paso por Redondela: almacén de bicicletas, auga quente, caixa de primeiros auxilios, calefacción central, cociña, comedor, duchas, frigorífico, lavandería, máquina de café, sala de reunións, tendedeiro e terraza.

Pazo de Petán

Nel aínda se conservan algunhas partes que datan do século XIV. Ten capela, torreón e chafariz. Na fachada leva o brasón dos Prego de Montaos. Foi fundado no século XVII por García Prego de Montaos e Sarmiento, e foi coñecido nun principio como Granxa de Vilavella. O industrial José Regojo mercouno en estado ruinoso e converteuno na súa vivenda; dende entón pertence á súa familia. Recentemente foi restaurado o seu interior.

Pazo do Pousadouro

Pazo do século XVII que foi restaurado nos anos 50 no seu interior, sen alterar apenas o seu aspecto exterior. Trazado sobre unha planta en L de tres alturas, cunha torre ameada nun dos seus extremos. Cómpre salientar a escaleira presidida por Santiago Apóstolo e que remata nun pequeno patín, a capela, un hórreo e unha fonte de gran beleza, todo eles en bo estado de conservación.

Ademais de servir de escenario para varias películas, nos últimos anos vénse gravando no seu interior o programa de cociña da TVG "Larpeiros".

Pazo Torres-Agrelo

O Pazo Torres-Agrelo atópase na parroquia de Reboreda, no Camiño Portugués a Santiago, e remóntase a 1750. Está encravado nun xardín de 80.000 m2 con multitude de zonas paisaxísticas e especies arbóreas únicas en Galicia. Destacan as súas dúas torres ameadas, os seus estanques, as fontes e a capela.

Foi convento de Franciscanos, refuxio na Guerra Civil e hospital na 2ª Guerra Mundial, do que se conservan vestixios nos quilómetros de covas subterráneas que conectan as construcións entre si. Na actualidade está dedicado á celebración de eventos e vodas.

Pazo de Reboreda

Foi fundado a finais do século XVII por García Prego de Montaos, e modificado posteriormente; mantén un bo estado de conservación. Está comunicado coa igrexa parroquial de Reboreda por unha pasaxe elevada. Ten tellado a dúas augas, construído con perpiaño e cachotaría. Na súa fachada destacan dous brasóns e un hórreo na finca.

Pazo de Torre-Cedeira

Considerada unha das mellores casas señoriais de Galicia, sitúase fronte á Ría de Vigo, na parroquia de Cedeira.

Construído no século XVII pola familia Pestaña Chamucero e reformado no século XVIII. Foi propiedade, entre outros, de Manuel Bárcena e Franco que foi alcalde de Vigo, senador e fundador da Caixa de Aforros de Vigo; en 1891, a Raíña Rexente concédelle o título de Conde de Torrecedeira, de aí o nome do pazo.

O pazo conta cun fermoso parque no que medran carballos centenarios.

Pazo de Soutoxuste

Situado na parroquia do Viso, deste pazo só se conserva parte da súa muralla e dos muros. A súa orixe suponse do século XVII ou XVIII, e o pazo contaba cunha capela dedicada a San Vicente, da cal só quedan unhas pedras encaixadas nos seus muros; a capela consérvase na actualidade pero cambiou a súa localización.

O pazo encóntrase en estado ruinoso agás a torre, que é hoxe unha vivenda particular polo que perdeu gran parte da súa estrutura orixinal; non obstante aínda quedan motivos arquitectónicos que demostran a súa antigüidade.

 

MEIRANDE - Centro de Interpretación de Rande

Queremos presentarche unha viaxe, unha viaxe cara ao pasado, cara a tempos que xa se perderon na memoria das persoas e quedaron só impresos nos libros. Tempos de persoas coma nós, que sufrían o día a día e loitaban para sobrevivir nunhas sociedades e mundos distintos ao noso de hoxe en día.

O Centro de Interpretación do Patrimonio Cultural de Rande, o Meirande, ten como misión sensibilizar e concienciar á cidadanía da enorme riqueza non só artística, senón tamén, soocio-cultural e paisaxística da zona; e ante todo a necesidade de darlle valor e recoñecela. Ademais pretende ser un punto de encontro e de conexión directa coa veciñanza para que poida verse reflectida no proxecto, aumentando deste xeito o carácter identitario do mesmo.

 

PATRIMONIO NATURAL

Arquipélago de San Simón

Conxunto formado por catro illas: San Bartolomeu, San Norberto, Santo Antón e San Simón (estas dúas últimas as máis relevantes), son un excepcional enclave situado na enseada da ría de Vigo. É un dos principais espazos naturais de Galicia que conta ademais cun importante haber histórico produto dos diversos papeis que desenvolveu ao longo da historia. Foi testemuña de traxedias e avatares marítimos, refuxio monacal, lazareto para doentes infecciosos, cárcere do réxime ditatorial franquista para illamento político. A illa está declarada Conxunto Histórico e Lugar de Interese Comunitario dende 1997.

A illa de San Simón é hoxe un espazo público para o desenvolvemento cultural de Galicia, nun enclave recuperado de gran valor patrimonial e ambiental. En 1999 foi declarado Ben de Interese Cultural pola Xunta de Galicia e a illa e a súa enseada forman parte da Rede Natura 2000, como hábitat natural europeo protexido.

Ao longo do ano as súas instalacións acollen o desenvolvemento dunha extensa programación, como lugar de colaboración con diversas entidades e organismos para actividades formativas e de investigación.

Praia de Cesantes

A Praia de Cesantes ou Praia da Punta é un areal de máis de 2400 m de lonxitude situado no tramo de costa da parroquia de Cesantes, na enseada de San Simón. As súas augas, tranquilas e libres das ondas propias do Atlántico, fan que esta praia sexa frecuentada na práctica de deportes acuáticos coma o windsurf ou o kitesurf.

É un espazo protexido co fin de recuperar as especies vexetais orixinarias da zona. Está dotado de servizos orientados ao turismo, acceso a discapacitados, auga corrente e duchas. Conta ademais cun paseo marítimo e varios establecementos hostaleiros nas proximidades.

A Ponte de Rande

A Ponte de Rande é unha ponte de tirantes con cables de aceiro que une os municipios de Moaña e Redondela, na ría de Vigo, a 18 quilómetros de Pontevedra capital e 9 quilómetros de Vigo. Foi proxectado polo enxeñeiro italiano Fabrizio de Miranda, os españois Florencio del Pozo e Alfredo Passaro. Inaugurado en 1978 foi aberto ao tráfico de vehículos en 1981.

Mide 1.558 m de lonxitude total, aínda que nesta cifra se combinan os tramos de ponte sobre piares e a ponte tensada propiamente dita, que mide 695. Con estas dimensións, no momento da súa construción, foi unha das pontes cun maior van central do mundo dentra desa tipoloxía concreta de pontes de cables tirantes; ademais foi daquela a segunda ponte máis longa de España. Actualmente segue sendo unha obra de enxeñaría emblemática da ría de Vigo.

 

OS ROTEIROS

Senda da Auga

A senda da auga de Redondela correspóndese cun camiño accesorio á canle que transportaba auga dende o Encoro de Eiras (Fornelos de Montes) para abastecer a cidade de Vigo. A condución da auga atravesa os concellos de Fornelos de Montes, Soutomaior, Pazos de Borbén e Redondela antes de chegar a Vigo.

En Redondela percorre un total de 23 km, atravesando as parroquias de Chapela, Trasmañó, Cedeira, Negros, Cabeiro, Vilar de Infesta, Saxamonde, Quintela e Reboreda.

Este itinerario ten un gran valor ecolóxico e natural e o seu percorrido amósanos infinidade de paisaxes, dende terras de cultivo e núcleos poboados, ata zonas de bosque con distinta composición (piñeirais, carballeiras, eucaliptais e bosque rupículo, asociado aos regatos).

Trátase dunha zona de beleza singular, onde as grandes rochas semellan chegar ao ceo. As lendas contan que os cumios das mesmas estaban cheos de abellas.

A Pedra Taió

Un dos lugares máis máxicos da parroquia, tanto pola especial formación rochosa natural que simula un refuxio, como pola enigmática orixe e significado da propia denominación. Ao seu redor coñécense numerosas lendas sobre mouros e tesouros. É un lugar de obrigada visita tanto polo seu valor pétreo como polas espléndidas vistas sobre a ría de Vigo e a vila de Redondela, xa que ocupa unha atalaia natural. 

A Pedra Que Fala

Considerada  como máxica en Ventosela, a súa forma e o seu relevo permiten introducirse dentro dela e falar no seu interior, escoitando as múltiples reverberacións que produce a nosa voz. Mesmo estando preto dela é capaz de reproducir as conversas de quen fala ao seu lado.

A Pedra Erosionada

Pedra de curiosa formación, a causa da peculiar erosión da auga e o vento que esculpiron múltiples fendas.

Sendeiro das Greas

O máis longo dos sendeiros de Gran Percorrido en Galicia, discorre por todos os municipios da Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo. Son moi numerosos os atractivos ambientais, pois atravesa paraxes de gran beleza onde non faltan bos exemplos de arquitectura popular como os muíños da Devesa, carballeira de Barragán, fraga e ribeiras de Couñago, foxo de lobos (antiga trampa para cazar estes animais), bosque das ribeiras do río Borbén, o río Zamáns e os muíños das maquías, marismas do Miñor, a costa acantilada de Baiona, a fraga de Oliveira... Sen esquecerse de importantes construcións que axudan a interpretar a cultura destas terras, como o conxunto megalítico de Monte Penide e a mámoa do Rei, o castro de Chandebrito, o castelo de Soutomaior ou edificios de singular feitura como os pazos de Pegullal, Aballe e Picoña, no municipio de Salceda de Caselas.

Os miradoiros desta rota descobren os mellores recunchos do sur da provincia de Pontevedra. Seguindo o sentido das agullas do reloxo atopámonos coa enseada de San Simón, o canón do río Oitavén, o val do río Borbén, a enseada de Baiona e a península de Monteferro coas illas Cíes como pano de fondo, pertencentes ao Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas. As montañas manifestan a súa presenza nas serras do Suído, o Galiñeiro e a Groba como silenciosos vixiantes do camiño.

Camiño da Franqueira

O sendeiro recolle a ruta tradicional de peregrinación ao santuario da Virxe da Franqueira, na Cañiza. 

Esta ruta de 52 km, tamén coñecida como "Vieiro das Estrelas", parte de Redondela e Soutomaior, o itinerario segue por Cepeda, Frades e Mondariz, ata chegar aos montes da Franqueira, lugar do santuario mariano máis importante da provincia de Pontevedra.

O sendeiro é transitado por numerosos fieis nos dous días previos á popular romaría da Franqueira, que se celebra o 8 de setembro, así como por un importante número de excursionistas ao longo do ano. Ten un gran valor cultural, ecolóxico e turístico. O seu percorrido trazouse no século XVIII, aproveitando varias calzadas e vías romanas, así como camiños medievais. Conta con varias alternativas e atallos ben coñecidos polos romeiros, é un lugar de peregrinación local de gran devoción popular, que pasa polas igrexas parroquiais que hai ao longo do camiño. Está cheo de vida rural, altos e vales, bosques e ríos, costumes, tradicións e boa xente ao bordo do camiño.

Monte Penide

Monte Penide, tamén coñecido como Monte Mirallo, atesoura no seu interior importantes xacementos arqueolóxicos representativos de, nada menos que, 4.000 anos de prehistoria.

Monte Penide/Monte Mirallo está situado na beira sur da ría de Vigo, no sueste do Concello de Redondela, e representa unha pequena cadea montañosa de escasa altura, de apenas 450 m nas cotas máis altas (alto de Monte Penide e alto de Trasmañó).

Sitúase ademais no extremo norte da dorsal montañosa que rodea o val do Fragoso en forma de penechairas. Xunto co monte do Vixiador, representa o final dunha rede de camiños que comunican os cumios desta dorsal, camiños que baixan logo para a comunicación coa costa.

Este terreo chan é ademais un lugar de paso natural entre o Val do Fragoso, onde se sitúa a cidade de Vigo na actualidade, e a depresión do río Alvedosa (Redondela).

 

ESPECIES NATURAIS

É característica de todo o cumio a formación de brañas, convertidas logo en lugares de nacemento de diferentes regatos que desembocan cara a ría de Vigo, como é o caso do río Fondón ou o das Cabras.

No que atinxe ás especies naturais, a pesar de estar fortemente arraigadas ás plantacións de eucaliptos e piñeirais (para a súa explotación comercial), consérvanse grandes áreas de bosque autóctono, formado sobre todo por carballos, castiñeiros e especialmente sobreiras (especie implantada e representativa de Monte Penide), que medran entre as plantacións de eucaliptos reclamando o seu lugar natural. Esta masa arbórea destaca ademais por conter e manter un abano amplísimo de especies animais, aves (a maiores das especies máis comúns: miñatos, gaios, petos...); mamíferos (xabarís e raposos); mustélidos (teixugo, furón bravo, donicela...); anfibios (píntegas, sapos...), etc.

 

AS PARROQUIAS

A penechaira virxe de Monte Penide está rodeada por diferentes parroquias e núcleos de poboación, de leste a oeste: San Xoán de Cabeiro (716 habitantes, segundo o censo de 2014), Santo Estevo de Negros (536 hab.), Santo André de Cedeira (2.001 hab.) e San Vicente de Trasmañó (1.063 hab.).

Estas parroquias presentan unha forma de hábitat disperso, típico das Rías Baixas galegas, que rodea por completo Monte Penide, dando como resultado que haxa moi poucas zonas sen edificacións no seu contorno inmediato. A poboación dedícase primordialmente ao sector secundario e terciario.