Festas Gastronómicas

Un desfrute para o paladar

As festas gastronómicas lévanse realizando dende hai anos por toda Galicia, aínda que é nestas últimas décadas cando empezan a ter unha especial relevancia. Isto débese a que nestas festas mestúranse os mellores sabores da comida atlántica, especialmente todas aquelas relacionadas cos produtos do mar, co folclore das zonas e os elementos tradicionais da festa galega.

Na visita a Redondela non podemos obviar a súa gastronomía, sobre todo a que está en relación directa coa súa xeografía mariñeira e da influencia dos produtos do mar nos hábitos alimenticios da súa xente. Na praza de abastos podemos atopar sempre unha gran variedade de peixes e mariscos frescos procedentes da ría que baña a costa.

En calquera dos restaurantes ou establecementos de comidas, pódense degustar comidas típicas da zona, comezando con entrantes como ameixas, zamburiñas, ostras... ou ben decantarnos por unha empanada ou un polbo, para despois tomar un prato de chocos, produto gastronómico por excelencia da zona, que se pode degustar cociñado de diferentes modos.

Pero non só do mar se alimenta Redondela xa que tamén podemos degustar todo tipo de doces artesáns como os roscóns na Pascua ou as filloas no entroido, nas numerosas confeiterías que se atopan polas rúas da vila; sen deixar pasar a oportunidade de probar os famosos “negritos”, os “pastelóns” e rosquillas de milfollas de gran tradición nos fogares redondeláns.

Festa do Choco

(primeira ou segunda fin de semana de maio, Redondela)

É tradición en Redondela celebrar na primeira quincena de maio a Festa do Choco, celebración gastronómica de exaltación deste produto tan típico do municipio (os redondeláns eran coñecidos como choqueiros), xa que en ningún lugar abunda tanto este cefalópodo coma nas augas da Enseada de San Simón, e lévase celebrando dende 1987.

Estes “chocos” son capturados polos mesmos pescadores do lugar, sobre todo, durante a primavera que é a etapa tradicional deste molusco. Para isto, os mariñeiros fan uso de artes tradicionais como as “nasas”, para capturar as pezas, que poden chegar a varios quilos de peso.

Esta festa reúne na fin de semana na que se realiza, os máis importantes hostaleiros do municipio, que participan nunha competición gastronómica dividida en dúas categorías, a de pratos tradicionais e a máis exótica, que recolle as receitas máis innovadoras, nas que se poden observar as distintas maneiras nas que se mestura o “choco” con múltiples ingredientes. Os premios establécense en catro modalidades: á mellor receita creativa, chocos na súa tinta, chocos con arroz e empanada de choco. Este concurso é a estrela principal da festa redondelá, na que o municipio mostra e enxalza o seu produto por excelencia.

O recinto da festa sitúase no mesmo centro de Redondela, no aparcadoiro existente a carón dos xardíns da Alameda, nun recinto no que se instalan os distintos vendedores e mesas para os comensais. No mesmo recinto celébrase a tradicional verbena, así como distintas actividades de grupos folclóricos e un amplo programa de actividades festivo-culturais.

Festa do Mexillón

(primeira ou segunda fin de semana de setembro. Data variable)

Esta festa de degustación do mexillón celébrase cada ano na parroquia redondelá de Chapela. O mexillón é un molusco bivalvo de cor laranxa que se cultiva nas coñecidas e populares bateas que salpican toda a ría de Vigo. Este produto tan popular prepárase nesta parroquia de numerosas formas, destacando os mexillóns ao vapor ou a empanada de mexillón, especialmente saborosa se é con pan de millo.

Festa da Mazá 

(primeiro domingo de outubro )

Festa de exaltación desta froita típica do outono e tan popular en todo o val do río Maceiras en Redondela, especialmente na parroquia de Santo Estevo de Negros, lugar de celebración da festa. Nela, poderemos gozar de múltiples pratos salgados, fríos ou doces, tendo como protagonista a mazá: bacallao con mazá, chourizos á sidra, xamón con mazá, etc. Ademais da degustación, durante a xornada ten lugar un concurso de sobremesas realizadas con esta froita e todo tipo de actividades lúdicas e musicais.

 Voltar ás festas