Festa dos Maios

Comezo da Primavera (1 de maio)

“Os maios” é unha celebración popular que se fai nalgunhas zonas de Galicia dende moi antigo, para conmemorar a chegada da primavera e o remate do cru inverno, e propiciar deste xeito a obtención de boas colleitas. Forma parte do chamado “Ciclo do Maio”, época de exaltación da natureza, da floración das plantas e da aparición dos primeiros froitos.

Debeu de ser coñecida xa na antigüidade, dende que os nosos devanceiros se decataron da repetición cíclica que se produce todos os anos e polas mesmas datas. Existe a posibilidade de que fose introducida polos celtas ou polos iberos, pero do que non hai dúbida é de que colleu moito pulo coa chegada dos romanos, que contaban no seu panteón relixioso con varias divindades protectoras da vexetación e dos animais, das que algunhas está testemuñado que recibiron culto aquí na nosa Terra, como é o caso de Tellus, ao que se ofrecían sacrificios para propiciar as colleitas.

Nos tempos actuais, estas festas son das últimas manifestacións folclóricas que festexan en Galicia o final do inverno. En Redondela celébrase a chegada da primavera con pasarrúas de varios “Maios”, estruturas de madeira cubertas con elementos naturais como musgo, flores silvestres, ovos, paus ou froitas, e a esperada chegada á praza do Concello onde se poden escoitar as diferentes coplas que se cantan arredor destas estruturas, inzadas de fina sátira e sabedoría popular, todas elas narrando acontecementos de anos pasados. Tamén se celebra un concurso para premiar as mellores figuras segundo a súa tipoloxía e as propias composicións das coplas.

Nestes días, Redondela énchese de optimismo, retranca, fiúncho e de gran colorido e vistosidade.

Existen dúas tipoloxías de “Maios”:

  • Tradicionais: tenden a ser cónicos e lembran a forma das árbores máis ou menos estilizadas. En Redondela admítense de calquera tipo, aínda que se adoita destinar un premio propio para eles.
  • Artísticos: cando se trata de calquera figura, que pode ser dende unha casiña até un pazo, un apeiro, un cruceiro, unha igrexa, etc.

Ademais de pola feitura, tamén se diferencian porque contan con coplas novas todos os anos, feitas para seren cantadas unha vez exclusivamente e nas que predomina a crítica ás institucións públicas, partidos políticos, persoas sobresaíntes da vila, etc.

 

 Voltar ás festas