Festa dos Fachos

Hai xa unha década que no monte da Peneda, na parroquia do Viso, vense celebrando a finais do mes de xuño esta festa de inspiración pagá, para dar a benvida ao verán. Posúe reminiscencias mitolóxicas baseadas na cultura castrexa do monte, e a súa principal característica é a subida até o cumio camiñando con fachos acesos e a posterior queima dunha fogueira.

O marco da Peneda no que se desenvolve está considerado como unha unión entre os concellos de Redondela e Soutomaior, ademais de constituír unha paraxe única visible dende case todos os puntos dos dous concellos. Por outra banda, é importante destacar a súa forte carga histórica dende os tempos máis remotos (“Castro da Peneda”) e tamén a gran relevancia durante a Idade Media na que era coñecido como a Fortaleza de Castrizán, xa que xogou un papel fundamental nas Revoltas Irmandiñas e nos conflitos nobiliarios. Posteriormente foi cristianizada e o seu cumio corouse cunha ermida. 

A Festa dos Fachos ten un marcado compoñente reivindicativo no que a organización quere chamar a atención sobre os coidados que debe recibir o monte, a preservación dos espazos naturais e as especies autóctonas. Ademais supón tamén un chamamento á unión dos dous concellos nese espazo común. O colectivo Alén Nós foi o primeiro en apostar por esta celebración que edición a edición medra cada día máis, e que xa conta cunhas previsións de participación de 2000 persoas portadoras de cadanseu facho, que contribúen á espectacularidade da celebración. 

 Voltar ás festas